Fondo cabecera Concello de O Páramo
Inicio » Turismo » Historia

Historia

As primeiras referencias históricas do Páramo encontrámo-las nos achados arqueolóxicos na Parroquia de San André da Ribeira, de onde apareceron varios túmulos megalíticos, e tamén abundantes castros como os de Friolfe e Moscan.

A primeira referencia escrita sobre as terras do Páramo data do ano 569, cando nun concilio celebrado en Lugo se establecen os límites dos once condados , que pertencían a esta dioceses. Un deles era o Condado Paramiensis, que "recibía o seu nome de Páramo, territorio sito entre a marxe esquerda do río Miño e Neira; a súa extensión comprendía a confluencia do Sarria co citado Neira polo Noroeste; seguía a marxe deste último río polo Norte, e o Miño terminábao polo sur ata a cunca do aurífero Sil.Comprendíase neste territorio, ademais de Sáa de Páramo, os pobos de Vilasante, Ribeira , Chanca, Paradela e o Incio", segundo relato de Manuel Amor Meilán.

O nome do Páramo ven da Idade Media, e dos primeiros tempos da Reconquista. O Señor López Pelaez afirmou que na primeira época da Reconquista xa existía o Convento de San Salvador de Páramo ( ano 402) , que deu gran relevancia a Comarca. A súa importancia ponse de manifesto o ler a carta de restauración da Igrexa de San xoán de Friolfe fechada no ano 910 e que foi escrita por catro abades, oito presbíteros, catro diáconos e sete testemuñas.

O facerse efectiva a constitución no 1812 pasa a integrarse o Páramo na Provincia única de Galicia, e cando se divide en catro provincias polo D. de Cortes do 27 de Xaneiro de 1822, e polo R. D. do 30 de novembro de 1833, nas dúas veces queda adscrito a nova Provincia de Lugo, onde segue.

Cando se fai a división en partidos xudiciais pola Deputación única o 3 de Marzo de 1820 o termo Municipal do Páramo, figura no partido xudicial de Lugo. Cando se fai unha nova división polo R.D. do 21 de Abril de 1834, figura xa no partido xudicial de Sarria, menos a parroquia de Gondrame que pertencía o partido xudicial de Taboada pero que o 9 de Outubro de 1840 a Xunta de Goberno fixo que pasase o partido xudicial de Sarria. E no partido de Sarria segue ata que o D. 3388/1965 do 11 de Novembro, suprime o partido de Sarria, e o Páramo pasa a depender do partido de Lugo, ata que a Lei 38/1988 do 28 de Decembro repón de novo o partido xudicial de Sarria e a el volta o concello do Páramo.

A historia do Páramo aparece fundida na de Sarria na que so fai referencia no ano 1255, nunha escritura de Alfonso X confirmando un privilexio que sendo infante expedira no 1246 a favor da Orde Hospitalaria pola cal lle facían doazón de :"Páramo en Gallicia que yaze en onor de Sarria como parte de Riva de Neira."

Neste tempo e no agora concello do Páramo e no seu termo houbo un axuntamento constitucional que lle chamaban "Concejo de Páramo" pertencente o partido xudicial de Lugo e que figura nos documentos e repartimentos que fai a Deputación, entón única de Galicia para distribuírlle a quinta e as contribución territoriais e de consumos.

Neste repartimento que fai a Deputación de Galicia o día 7 de Xullo de 1821 o Axuntamento do Páramo figura coa obriga de entregar tres homes e tres cuartos.

No repartimento da contribución territorial do 13 de Setembro de 1821 figura unha cota de 16836 rs. 19ms., e no da contribución de consumos que fai a mesma Deputación de Galicia o día 2 de Outubro de 1821 cá cota de 12004rs. 6ms.

E no tempo en que duraron os xulgados comarcais da Orde do 24 de Marzo de 1945, o Páramo tivo o seu xulgado comarcal do que dependía o xulgado de Paz do Concello de Láncara.

Por último hai que dicir que non houbo grandes convulsións guerreiras nin exaltados arroubos místicos.

O NOME

O nome deste concello, O Páramo, procede da Parroquia do Páramo, Santiago de Sáa que deste xeito se chamaba na lista de parroquias do ano 1845, e que agora é de Sáa . Non hai ningunha entidade que se chame Páramo.

3.3 TÍTULOS E TRATAMENTOS

O alcalde deste concello, conforme dispón o artigo 33 do ROF, ( RD. 2568/1986, do 28 de Novembro) ten tratamento de Señoría.

E ningún outro título ou tratamento que nos saibamos, lle foi concedido ou outorgado a este concello, no que , segundo o Nomenclátor de 1981, non existe ningunha vila, nin cidade, e a súa capital está clasificada como Aldea.

Información sobre el documento

Escudo del	Concello de O Páramo
Concello de O Páramo
Páramo s/n – 27363 O Páramo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 539 156 / 982 539 128 | Fax: 982 539 156
E-mail: concello.oparamo@eidolocal.es